A Chispa (In)axeitada | OneFootball

A Chispa (In)axeitada | OneFootball

In partnership with

Yahoo sports
Icon: moiceleste.com

moiceleste.com

·4 de diciembre de 2025

A Chispa (In)axeitada

Imagen del artículo:A Chispa (In)axeitada
Imagen del artículo:A Chispa (In)axeitada

Dicían os Héroes del Silencio aquilo de que todo arde se se lle aplica a chispa axeitada. Vamos, que en esencia, todo arde.

O fútbol español precisa, demanda un 'reset'. Un acordo que revitalice o fútbol na clase media. Que erga novos equipos a novas cotas. E non é capricho: Somos a oitava liga menos competida de Europa, dato triste de seu. Pero agrandado co Índice de diversidade (equipos distintos en Champions desde 1994): 9,15, o que reflicte un dominio case oligárquico fronte a ligas máis abertas como a alemá ou a francesa.


OneFootball Videos


É dicir, somos practicamente unha liga bipolar. Sempre os mesmos facendo o mesmo. Nin quero xa mencionar o evidente cheiro a corruptela que ten a copa promovida pola federación. Unha federación, lembremos, baixo investigación xudicial, rexistrada varias veces e con detencións relacionadas cun presunto caso de corrupción na adxudicación da Supercopa de España a Arabia Saudita. É dicir, unha federación baixo sospeita formal.

Aínda haberá algún desnortado que pense que a Copa do Rei é unha competición meritoria. Esquecéndonos un pouco dun panorama tan podre, volvamos ao que nos ocupa. Que o fútbol en xeral en España precisa esa chispa vía reorganización económica. En aras, por suposte de gañar competitividade. Iso sábeo todo o mundo.

E claro, logo vai Tebas e sáenos cun novo reparto, en plan supermán... Que o do reparto televisivo cheira a chanchullo sábeo ata o gato do bedel da Liga. Que intenten vendelo como un fito histórico é un insulto á intelixencia, unha labazada coa man chea de euros. Pero dálles igual a estética, porque aquí a estética pásana pola entreperna mentres contan billetes.

Esta humilde colaboración pretende, polo menos, apelar á dignidade da evidencia e, xa que estamos, cravarlle un estoque a ese mito rancio de “a mellor liga do mundo”, que leva anos cheirando a cadáver.

A Liga e o seu gran timoneiro, o señor Tebas, puxéronse en modo lexionario co peito inchado, coma se conquistaran Sebastopol nunha misión suicida. E un, que ten memoria, non esquece que este mesmo cabaleiro comparou o spam de partidos en streaming coa trata de menores e o tráfico de drogas. Si, díxoo. Ás súas palabras remítome. Se aplicamos o mesmo criterio, o precedente intelectual é máis perigoso ca un mono cunha granada.

Imos ao acordo, que é do que se trata. As cifras parecen o maná caído do ceo: 1,05 mil millóns por tempada en dereitos residenciais (5.250 M€ en cinco anos), subindo a 6.135 M€ con Horeca, Segunda e highlights (+9 %). Vamos, que parece que asinaron o Tratado de Versalles. Pero abonda mirar á Premier para que se lles vexa a goma do calzón e os calcetíns raídos: £3,84 mil millóns por tempada (uns €4,4 mil millóns). Evidencia: A Premier cuadriplica os ingresos. Si, cuadriplica. E aquí e cando vemos que Tebas máis que lexionario conquitador mudou en cabuxa peluda nun cuartel africano.

O reparto na Liga ata 2032 é para escribilo nun pano de mesa, chorar e usalo como pano de bágoas e logo... volver a soar os mocos con el:

Implantación social. Que concepto tan fino para unha trampa tan burda. Tebas & CO Incorporated business style. Segundo eles, mídese por audiencia, redes, abonados e peso histórico. Traducido: se tes máis parroquia, máis billetes. Coma se o fútbol fose misa e os dereitos de TV, o cepillo. E o que non teña fregueses, que rece. Villarreal, Getafe... que vos bendiga San Xudas Tadeo. E a Osasuna e ao Celta e demais, todos a rezar ao mesmo santo. As castas sempre arriba, asegurando o bipolio.

Comparado coa Premier, isto é unha salchicha de oferta fronte a un solombo ibérico:

A Premier premia visibilidade. Aquí premiamos o postureo social e o peso histórico, que é coma darlle un Nobel a alguén por ter moitos amigos en Facebook. Hypea que algo queda. Ou cotiza. Algo así.

E ollo: o acordo inglés caduca en 2029, renegociarán á alza, mentres nós seguiremos tres anos máis con este esperpento.

  • Negocio inflado, reparto morno. Inflamos un globo de euros, pero a masa salarial dos clubes medianos segue famenta.
  • Brecha estrutural obscena: €4,4 mil millóns vs €1,05 mil millóns. Nin na báscula se poden comparar.
  • Reparto social: unha coartada chea de oruxo para manter o cortello dos grandes.
  • Visibilidade ignorada: facility fees brillan pola súa ausencia. Aínda nos pedirán unha definición, ao tempo.
  • Mercado pechado: Telefónica e DAZN repartíndose a tarta mentres os clubes comen as migallas.

Este acordo é prestidixitación pura: véndese crecemento, pero a foto mostra unha elite engordando mentres os demais se espreme coma limóns. Se isto non se traduce en investimento real en cadro, soldos dignos e fichaxes, estamos ante un espejismo monumental. Neste teatro, a pelota é do negocio, non do fútbol. E nós, o público, coma sempre, pagando a entrada para ver como nos rouban a carteira.

Non hai chispa, irmáns celtistas. Tampouco a esperabamos. En esencia todo arde. A menos que queiras acender unha fogueira cun extintor. Que é o que pariu Tebas e os seus acólitos. A chispa máis inaxeitada do mundo.

Ver detalles de la publicación