As Bandeiras proibidas. | OneFootball

As Bandeiras proibidas. | OneFootball

In partnership with

Yahoo sports
Icon: moiceleste.com

moiceleste.com

·11 octobre 2025

As Bandeiras proibidas.

Image de l'article :As Bandeiras proibidas.

Teño as miñas dúbidas sobre o porvir do fútbol, e non son poucas. O invento, que antano cheiraba a barro e a suor, agora arrecende a desinfectante e a manual de protocolo. Semella que alguén, con ínfulas de notario celestial que mete medo, arrogouse a tutela legal de cada alma que pisa un estadio. Salvando máis almas ca todas as relixións ao longo da historia.

Todo medido, todo controlado, todo baixo a ollada do Gran Irmán, que xa non é o finado insufrible de Sánchez Dragó —como cantaban os de DefCon Dos—, senón un exército de burócratas con chaleco reflectante. Pois iso: bancadas de animación subvencionadas, arengadas, motivadas e regulamentadas, coma se a paixón precisase un regulamento e un patrocinador. O fútbol, ese vello canalla, volveuse un funcionario de tomo e lomo cun sorriso de márketing. Velaí.


Vidéos OneFootball


É cuestión de tempo, non hai dúbida. Pero claro, hai cousas que se saen de madre. Un xa entende que todo flúe, que nada é como era, e que a nostalxia é un vicio bastardo e barato. Nos noventa, o fútbol era bronco, sucio e maleducado, como Deus manda: mentábase á nai, ao pai, ao can e ao santo patrón, e logo cada quen marchaba para a casa tan campante, cos ovos e as pascuas en paz. ¿Estabamos máis preto dos chimpancés facendo iso? Sen dúbida. Non hai morriña.

Non era mellor, era distinto, e punto. Agora todo é relativo, tan relativo que ata Einstein se faría socio do Bernabéu. Está ben que os racistas non teñan oco —agás, claro, no Bernabéu—, que os intolerantes e os que levan o insulto por bandeira non poidan mentar a procedencia de ninguén —menos no Bernabéu, outra vez—, e que os machistas, violadores e demais fauna sexan estigmatizados por estadios e afeccións… agás, por suposto, no Bernabéu, onde a relatividade acada cotas que farían chorar a toda a física cuántica. The Big Florentino Theory, xa ti sabes.

Pero claro, agora chegan os paladíns de ACOM (que non sei quen son todos, pero case o adiviño) capa ao vento e Código Civil na man, para denunciar ao Celta. E ao Athletic, e a quen se poña polo medio do seu bufete porque alguén ondea unha bandeira palestina. Simplemente iso. Que ondear unha bandeira palestina e o mesmo que ondear o estandárte de ku kux klan. Insulto a intelixencia colectiva. Alucina veciña. Cando un pensa que xa viu todo, ¡zas!, aparece o adalid da corrección e remátao cun escrito. Á fronte, Ángel Más: economista con pasado empresarial en Israel, convertido en ariete xurídico contra o BDS e voceiro pro-Israel en España. Por interese, quérote Andrés.

Aquí o amigo pasea entre despachos e foros internacionais coa mesma soltura coa que dispara comunicados. Lobby, litixios e diplomacia son a súa munición; a relación España–Israel, a súa bandeira. ¿As súas razóns? Digamos que a épica sempre luce mellor cando hai orzamento. Un virtuoso do engrenaxe político, afinando a partitura do poder con ritmo de sentenza. Un artista sionista buscando a tarifa progresista. O de sempre. O problema non é que agora intenten denunciar o que claramente non é denunciable, nin que procuren aproveitar o desconcerto actual na xudicatura para ver se cola, sacar tallada e sentar unha xurisprudencia perigosa.

O verdadeiro problema é que decidiron entrar no fútbol como parte dunha estratexia social. Porque saben que o fútbol, gústenos ou non, non deixa de ser deporte, o que algúns chaman a “soft society”. E, por suposto, aí é onde queren meter ruído e xerar fricción. Se os actuais directivos, a propiedade do Celta, deciden recuar, que ninguén se sorprenda. Aínda así, confío —e quero crer— que non acontecerá. Porque isto non vai de política, vai de sentido común, de humanidade. Agardemos que a propiedade non imite ao señor feudal do Bernabéu, que xa deixou claro onde coloca a balanza.

Non esquezamos que ACS asinou contratos por máis de catrocentos oitenta millóns de euros na electrificación ferroviaria en Israel, e que algunha das súas filiais (SEMI) levou corrente a territorios ocupados, pisando a legalidade coma quen pisa follas secas. Por iso ACS figura na lista negra da ONU por actividades en asentamentos ilegais en Cisxordania. E por iso, no Bernabéu —onde os cans obedientes non morden aos seus amos— non ondean certas bandeiras. E menos na súa zona de animación profilacticamente dirixida, onde todos semellan ir facer a comuñón de aquí a nada, tan brancos e tan inmaculados como aparecen. Agardemos, pois, que toda esta farsa quede no que é: unha soberana parvada. Porque o fútbol, que debería ser refuxio, convértese en escenario de miserias alleas. E iso, créanme, é o que máis doe. E que o Celta e os seus dirixentes non teñan que tragar estes devaneos totalitarios por parte de xente de dubidosa moralidade e certeza de picapreitos na carteira.

À propos de Publisher