moiceleste.com
·10 septembre 2025
O Celta anuncia un partido solidario contra o lume

In partnership with
Yahoo sportsmoiceleste.com
·10 septembre 2025
(RC CELTA) O Celta, xunto coa Real Federación Galega de Fútbol, presentou esta tarde en Ourense a iniciativa“Xuntos contra o lume”, un proxecto que consiste na organización dun partido benéfico que nace como resposta aos devastadores incendios forestais que arrasaron os montes galegos, especialmente na provincia de Ourense.
O encontro terá lugar o vindeiro mércores, 8 de outubro ás 20:00h. no estadio Abanca Balaídos, e enfrontará ao primeiro equipo celeste cunha Selección de Ourense, formada por xogadores da provincia convocados pola RFGF. Un partido único, emotivo e cheo de simbolismo que se poderá seguir en directo a través da nosa canle de Youtube e mediante a TVG.
Para todos aqueles que non poidan asistir pero desexen colaborar coa causa, habilitarase unha Fila 0 e unha conta bancaria na que se poderán facer as diferentes doazóns. Nos próximos días facilitaremos máis información ao respecto.
Nesta ocasión, o primeiro equipo do Celta non vestirá o seu tradicional equipamento senón que ambos os equipos vestirán unhas camisetas deseñadas especialmente para a ocasión. Estes equipamentos tamén estarán á venda na tenda oficial do club proximamente.
Ademais, unha vez finalizado o partido, as camisetas que usaron os xogadores serán asinadas e doadas para a súa poxa co obxectivo de axudar o máximo posible na causa.
O 100% do recadado contorna a esta acción será destinado integramente a proxectos de reforestación da provincia de Ourense, co obxectivo de devolverlle a cor e a vida aos montes devorados polas chamas.
A presidenta do Celta, Marián Mouriño, presentou ante a prensa, na Conferencia Empresarial de Ourense, esta emocionante iniciativa onde quixo destacar “que desde Galicia estamos todos unidos, todos a un tempo cando as cousas non van ben. Desde o Celta, galego, con identidade e comprometido coas súas raíces, imos demostrarlle ao mundo a forza e a identidade que nos identifica“.
Pola súa banda, Carlos Cao, director de Relacións Institucionais do club, fixo fincapé en que “este é un proxecto aberto a que colabore toda Galicia“.
Na presentación, tamén estiveron presentes dous dos xogadores do primeiro plantel do Celta, Hugo Álvarez e Hugo Sotelo, que xogarán ese partido benéfico como mostra de compromiso cara aos afectados e todo un acto de amor a Galicia. Hugo Álvarez, natural de Ourense, quixo ter unhas palabras de agarimo para a terra que o viu crecer, “ver como ardía todo me afectaba bastante pero estamos con ganas de participar neste proxecto, que a afección responda e que podamos axudar entre todos“. Mentres, Hugo Sotelo resaltou que “como galegos e xogadores do primeiro equipo do Celta temos a responsabilidade de participar nesta iniciativa e devolver os montes a como eran antes“.
Este proxecto non sería posible sen a colaboración da Real Federación Galega de Fútbol do que o seu presidente, Pablo Prieto, afirmou que “esperemos que sexa un éxito para paliar todas as desgrazas que azoutaron Ourense”. Pola súa banda, Javier Orbán, presidente da UD Ourense, club tamén colaborador, quixo “agradecer e destacar o traballo de todos aqueles que loitaron polas chamas“.
Desde o Celta queremos enviarlle unha mensaxe de forza, esperanza e solidariedade a todas as persoas que sufriron directa ou indirectamente as voraces consecuencias desta nova vaga de incendios. Animamos a toda a afección celeste a que se una e colabore con esta causa xa que, unha vez máis, tivemos que presenciar con bágoas nos ollos como se queimaba a nosa terra, pero xuntos seremos o pulmón que lle devolva a vida.