moiceleste.com
·12 settembre 2025
Borja Iglesias prefiere non poñer un obxectivo de goles

In partnership with
Yahoo sportsmoiceleste.com
·12 settembre 2025
Unha das preguntas inevitables cada vez que un dianteiro comparece nunha entrevista ou rolda de prensa é a previsión de goles para a tempada. Borja Iglesias non foi unha excepción, pero o santiagués, xa un xogador curtido, preferiu non dar cifras e explicou que prefire gozar de cada instante, por pequeno que sexa, do seu traballo:
"Intento non centrarme nos números, porque cando era máis novo e poñía expectativas nunca acertaba. Penso máis no presente: en comprender o plan de partido para o domingo, en descansar, en desfrutar do primeiro rondo da mañá. Vivo máis liberado nese sentido, intento estar no día a día e medrar a partir de aí, porque sinto que é complicado acadar o que un pensa ao principio e prefiro evitalo un pouco", declarou o Panda na súa presentación, oficializada hai xa máis dun mes.
Preguntado polo futuro e pola posibilidade de prolongar a súa carreira ata os 38 anos, como Iago Aspas, foi claro:"Non o sei, a día de hoxe non me paro a pensalo. Síntome moi ben, a nivel emocional estou feliz e preparado para afrontar moitas cousas, e fisicamente tamén. Un aspecto acompaña o outro. Non me propoño chegar aos 38 nin aos 42 de Joaquín; simplemente quero desfrutar do día a día, e a partir de aí xa veremos. O que si é certo é que me sinto con moita forza", subliñou.
O dianteiro tamén recoñeceu que, ademais do seu apego polas cores celestes, un dos grandes motivos da súa volta foi a participación do Celta na Europa League tras lograr a clasificación o pasado ano:"Non tiña ningunha intención de perderme a tempada que temos por diante. Seríame unha ilusión enorme aínda que non tivera vivido o proceso do ano pasado, pero estando aquí, aínda máis. Da miña parte houbo un esforzo, pero tamén por parte do Celta e do Betis. Hai que ser agradecido, porque todos puxemos da nosa parte e todo saíu como queriamos".